10/3/13

INFORMACIÓN DE ACTIVIDADES CONCELLO DE ARTEIXO

A Concellaría de Cultura pon en marcha un obradoiro de música e manualidades en Semana Santa.
Do 1 até o 15 de marzo permanecerá aberto o prazo para inscribirse no Obradoiro de música e manualidades impartido pola Asociación Cultural Galaica Música de Arteixo que terá lugar os días 25, 26 e 27 do mesmo mes en horario de 10:00 a 14:00 h no Centro Cívico Cultural de Arteixo.
A actividade, totalmente gratuíta, está dirixida a nenas/os de 4 a 6 anos e de 7 a 12 anos. As prazas son limitadas, dispoñendo de 15 para o primeiro grupo de idade e 20 para o segundo. No caso de superar o número de inscricións ao de prazas, realizarase un sorteo o 18 de marzo.
As persoas interesadas en participar neste obradoiro divertiranse montando unha historia musical e fabricando os materiais necesarios. Aprenderán a tocar instrumentos, cantar cancións e representar danzas coas que se escenificará unha bonita historia o último día cunha actuación perante o público, na que se contará co apoio dun grupo de músicos profesionais cos que os nenos gozarán compartindo o escenario por un día. Parte do decorado e dos complementos e instrumentos necesarios tamén se fabricarán neste taller.
II Festival de Concertos Imaxinarios para público familiar
A Asociación Cultural Galaica Música organiza a segunda edición do Festival de Concertos Imaxinarios, que xunto coa colaboración da Concellaría de Cultura, se levarán a cabo catro actuacións musicais os sábados 16, 23 e 27 de marzo e 6 de abril ás 18:30 h no Auditorio de Arteixo.
A primeira actuación correrá a cargo da Banda de Música coruñesa Adagio Cantábile que interpretará a peza “3, 2, 1... Música maestro!”. O 23 de marzo o grupo Tactum Ensemble regresa a Arteixo coa compañía de títeres Naip para ofrecer un concerto baseado en todo un clásico da literatura infantil, Pinocho.
O sábado 27 tócalle a súa quenda a Bolboreta Band que contará cun colaboración moi especial para a interpretación da súa peza De aquí para allá, concretamente participará neste concerto o alumnado do Obradoiro de Música e Manualidades.
O Festival rematará o sábado 6 de abril co concerto El Ruiseñor de Marosa Jazz Project e coa participación de Merchy Rozas como narradora.
Todos os concertos son con invitación que se poderán recoller a propia semana de cada actuación en horario de 9:00 a 14:00 h ou 1 h antes da función até completar o aforo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

DEIXADE OS VOSOS COMENTARIOS PARA QUE SE ENRIQUEZCA O BLOG